|
Mais esas espléndidas fotos iniciais non son máis que, en definitiva, o aperitivo ao repertorio de todo un século que ía ser complexo en acontecementos históricos, algúns fortemente traumáticos. Sen dúbida o acontecemento histórico máis tráxico foi a Guerra Civil. As fotos dese tempo sempre nos deixan un regosto acedo na lembranza. Esa estampa militar da conmemoración do Día da Victoria, en 1957, alonxada no tempo xa do remate da guerra, e aínda máis da nosa perspectiva presente, qué dura é sen embargo, aínda, de contemplar. Como tamén a evidencia do físico deterioro dos soldados que retornan, unha vez rematado o conflicto, da fronte militar. A guerra está contemplada, tamén, desde algunhas outras perspectivas. O propio acontecemento, que na cidade foi breve canto a enfrontamento bélico, tivo no bombardeo do Governo Civil desde o Paseo do Parrote unha transcendencia decisiva nos primeiros momentos da insurrección armada. A vista dos coches requisados. As mulleres, como Penélopes da retagarda, facendo roupas para os soldados na Fronte. Os milicianos do bando Nacional realizando a instrucción na Praza de Touros. Un Concello engalanado cos símbolos dunha victoria que para tantos foi derrota. Un Franco victorioso, no seu Rolls, coa Garda Moura... son algunhas das fotos que recordan o malfadado acontecemento. Fotos de valor histórico son tamén a da queima da antiga igrexa dos Capuchinos, a de Gil Robles no Rosalía, no 35, a de Azaña, a de Alcalá Zamora... Ou as de certos personaxes da política vencellados á cidade: Casares Quiroga, o Alcalde Suárez Ferrín, o intelectual e político Salvador de Madariaga, Iglesias Corral... ou numerosos rexedores locais tanto da dictadura como da democracia, nunha representación que chega deica o actual Alcalde, Francisco Vázquez. En ocasións, o que se documenta é a presencia de Franco -atendido por un “solícito” Carrero Blanco- nunha xuntanza de ministros. Porque tamén son evidencia daquel tempo os consellos veranegos de ministros en Meirás, ou as visitas da familia real, ou a posterior de don Xoán Carlos departindo con Adolfo Suárez... Ás veces, son visitas sorprendentes, como a que testemuña a foto do dictador Trujillo con Andrés Segovia e o Alcalde Molina entre bombóns e champagne. Ou a visita do Duque de Edimburgo. Ou do rei de Xordania. Noutras ocasións os visitantes son eminentes científicos, como Severo Ochoa. Ou arquitectos, como o autor da Domus, Isozaki. E escritores, como un Francisco Umbral case recén-chegado-ao-café-Gijón, ou o nobel Saramago, que ultimamente se prodigou en diversas visitas á cidade, presente nunha foto en animada conversa con Fernando Savater, outra personalidade que a visita con relativa frecuencia. O mundo do espectáculo amosa unha certa diversidade. Do ámbito dos touros: como o caso dun mociño e espilido Manuel Benítez, El Cordobés. Ou do deporte: o popular Manolo Santana. Claro que, do espectáculo, non podían faltar, na época, os inevitábeis Joselito e Marisol, o primeiro na desaparecida Praza de Touros e Marisol no Teatro Colón. Ou Celia Gámez, que a tantos traerá tantas lembranzas, no Rosalía. Carmen Sevilla, Concha Velasco, Julio Iglesias, Raphael na antiga sala de festas do Seijal, en San Pedro, onde ás veces se colapsaba a Nacional VI os domingos pola tarde en que acudían, nos sesenta, a tropa emerxente dos yeyés e dos twistters antes da arribada máis rupturista dos rockeiros, que desprazarían os seus efectivos á rúa Rubine, á Sada do Moby Dick da movida ou aos tímidos inicios dunha posterior Santa Cristina, xa na fin da dictadura e nos albores da democracia. Tamén, entre as personalidades foráneas, cómo non, Perico Chicote, o coñecido barman, autor dun título inolvidábel e politicamente incorrecto desde a perspectiva da actual Cruzada Médico-Social: “La ley mojada”, na que realizaba a cuadratura do círculo con certos cócteis de realización tan imaxinativa e complexa como o E=mc2 einsteniano ou o cubismo analítico de Picasso. Tampouco podía faltar un dos personaxes que se cadra mellor viviu en todo o século pasado, Jaime de Mora y Aragón. Como sempre, nunha terraza, vendo o mundo pasar. Tamén, a balompédica visita do mítico Helenio Herrera coa súa arrasadora escadra, entre a que destacaba un mozo moi grato a todos os coruñeses e galegos, Luís Suárez, que acendía o soño dos rapaces da época, como se pode ver noutra toma no Estadio: o mago, coa bola máxica, e os cativos sorbendo, como esponxas, a parábola do esférico planeta nas alegrías do aire. En ocasións, xurden personaxes de relevancia da cidade, como o autor de “El bosque animado”, Wencelao Fernández Flórez, nunha serena e clásica foto familiar. Ou unha xove Mª Victoria Fernández España impartindo unha conferencia no Círculo de Artesáns. Incluso un Beiras mozo, aínda non barbado, no mesmo e importante foro social e cultural. Ou o pintor Lugrís, en 1961, o gran soñador, acratoide e provocador, das baladas marítimas e as fabulacións das profundidades, capitán Nemo da plástica atlántica. Ou o visitante Laxeiro, soñador quizais menos marítimo e máis terrestre, que pintaba coas cores da terra os delirios grotescos dun vivir de esperpentia e carnaval. Ou o pintor Villar Chao, feliz, entre amigos, na popular romaría de Santa Margarida. E o poeta e escritor González Garcés, ou Martínez Barbeito, ou as fillas de Rosalía de Castro e da condesa de Pardo Bazán, testemuñas dun tempo pasado, en histórica e fermosa instantánea, con Julio Yordi e Juan Naya. Sen que falte a sen par, e curiosísima, foto do Alcalde Picadillo, gastrónomo teórico -e practicante- onde os haxa, posando co popular Don Paquito. Por certo, que é coñecida a anécdota de cómo os nenos, pola rúa, lle chamaban “elefante” ao sorprendente Alcalde, sen enfado del, que o levaba con tan serena, e gastronómica, bonomía e tranquilidade, como os elefantes -estes si reais- dun circo que, nunha curiosa foto, pasean pola praia de Riazor. Ás veces, a crónica visual detense nalgúns cidadáns que acadaron gran popularidade polo seu labor altruísta e social. É o caso de Fernando Suárez a súa esposa, xestores de “La cocina económica”, de benemérita influencia ao longo de moitas décadas. Ou a vital dona Angelita, coñecida pola súa explosiva gheada, que ela mesma acentuaba, creadora do colexio “El ángel de la guardia”, nos Castros, e que financiaba coa axuda de comerciantes locais, ou exitosas funcións teatrais. O actor Fernando Rei. O boxeador Folledo. O Padre Villa. Camilo José Cela. Torrente Ballester. O épico gardamallas Acuña. Pedro Barrié, e Carmela Arias, condes de Fenosa. Emilio Rey. O intelectual e artista Díaz Pardo. O arquitecto Andrés Fernández Albalat. O popular Nito facendo o Apropósito anual. José Escudero realizando o busto de Ángel del Castillo. A nobre colectividade coral da polifónica “El Eco”... Estampas dun caleidoscopio que, unha vez axitado, ilumina unha parte importante dese cosmos humano e social que é a cidade. Un repertorio ao que lle poderíamos sumar o percorrido actual polos recentes protagonistas das institucións e entidades públicas dos tempos da democracia. Fotos que algún día irán collendo tamén o sepia que o tempo vai sementando.
|