|
Toda cidade é un cosmos dificilmente abarcábel para unha soa mirada. A nosa visión dela quizais só é un simple fío nun complexo tecido de enfoques diversos, incluso, ás veces, de fortes contrastes. Unha cidade é un continente cambiante, feito de homes e de rúas, de acontecementos e de épocas, de realidades e de aspiracións, non sendo doado abranguelo dunha maneira total. Hai revelacións posíbeis, perspectivas, iluminacións da Coruña ou dalgunhas das súas realidades, acó e aló, en ocasións moi logradas. Oxalá, algún día, xurda esa visión literaria sinfónica, paradigmática -se iso é posíbel- que alguén construirá. Que, por outra parte, quizais non deixará de ser, por moi privilexiada que for, máis que unha nova cala no tempo. Porque unha cidade é unha arte da fuga en constante espiral. Un poeta sevillano, moi dedicado aos temas da fermosa capital andaluza, dicía que unha cidade podía ser, “ademais dun conxunto ou realidade material e histórica, unha muller, unha cultura, un misterio, algo intanxíbel e infinito”. É certo que cada cidade constitúe un certo aleph, concentrando micro e macrocosmos nun espacio concreto. E a súa grandeza ou mediocridade mediranse pola densidade e cualidade de vida que poida chegar a ofrecer, a crear. Dalgunha maneira, tamén, pola sintonía da súa mirada co horizonte, cos infinitos ou posíbeis horizontes. Porque todo horizonte é un termo pero tamén un chamamento que nos reclama. E as cidades han de ser libros abertos, caixas de resonancia.
|