Foto Blanco - o tecido dun tempo e dun vivir
 Inicio >> Momentos Coruñeses >> Gallego >> O tecido dun tempo e dun vivir Enviar página a un amigo Poner esta página como tu pagina de inicio Imprimir esta página
Servicios fotográficos
Fotógrafos en La Coruña 
Reportaje social 
Boda 
Boda Digital 
Comunión 
Reportaje Industrial 
Fotografía 360 grados 
Estudio 
Estudio industrial 
Estudio Comunión 
Retoque digital 
Montajes y fotoacabados 
Postales de La Coruña 
Orlas 
Video 
Imágenes La Coruña
Vistas Aereas 
Torre de Hercules 
Galerias de La Marina 
Orzan y Riazor 
Vistas Generales 
Puerto 
Paseo Maritimo 
Parques y Jardines 
Calles Plazas Fuentes 
Monument Esculturas 
Edificios singulares 
Coruña Entre Siglos

1899 - 1907 
1908 - 1915 
1916 - 1920 
1921 - 1924 
1925 - 1926 
1927 - 1929 
1930 - 1933 
1934 - 1936 
1937 - 1945 
1946 - 1955 
1956 - 1957 
1958 - 1959 
1960 - 1961 
1962 - 1963 
1964 - 1965 
1966 - 1967 
1968 - 1969 
1970 - 1973 
1974 - 1994 
1995 - 1999 
2000 
HASTA 2000 

O tecido dun tempo e dun vivir

Non teñen desperdicio, polo seu encanto, as presencias escolares. Eses nenos que parecen saídos dunha escena de “A lingua das bolboretas” en branco e negro, nos seus pupitres de madeira, coas súas fermosas vetas que logo a formica habería de imitar, e eses tinteiros de porcelana branca que tantos xerseis e pantalóns estragaron, acadando para o seu usuario máis dunha labazada escolar ou familiar... Porque Internet non había. Nin ordenador, claro. A pizarra sintetizaba todas as ecuacións posíbeis da pantalla. O mapamundi, o globo terráqueo, os iconos da Victoria, e a foto do Caudillo, soían completar a nudez da aula. 

As vacas holandesas polas rúas implicaban a evidencia de que non só a pérfida Albión nos comezaba a colonizar coas súas perreiras e a música dos seus melenudos e indesexábeis, senón que outros modelos productivos chegaban imparabelmente. Neste sentido, a marela autóctona ía tendo que competir, nun mercado que aínda non era tan global coma o de hoxe, mais comezaba a despuntar a súa dura competitividade, co cosmopolitismo vacún das frisonas, holandesas, suízas... e, se era preciso, tolas. Pois cordura era producir: Desarrollismo, producción, ¡Marshall, Marshall!...
Por iso non está aínda dabondo analizado o impacto da chegada da Coca-Cola, cando todos os coruñeses fixemos longas colas para ir visitar a Fonte do Tio Sam da que emergullía a nova beberaxe, unha poción máxica que non viña da case viciña aldea gala dos nosos parentes célticos Astérix e Obélix, senón da aldea máis global dos fillos de Búfalo Bill e Superman, e da que dicían que facía marabillas na gorxa ao devalar, soa, ou mesturada con outras pocións igualmente máxicas.

É normal que, baixo os eslogans do Desarrollismo, se formasen aquelas colas dos cidadáns ávidos de seren desarrollados. Como na chegada dos primeiros supermercados, que viñan desprazar ao tendeiro tradicional, tal como comprobamos nas fotos de finais dos cincuenta do super de San Agustín, coas amas de casa perplexas fronte aos andeis e, ao fondo, o gresite ornamental. Ou como as longas caravanas de coches en saída probabelmente dominical ás praias veciñas pola ponte da Pasaxe, cando As Mariñas comezaban a ser edénica utopía para o chalet veranego das clases medias cidadáns. Porque, por outra parte, cada familia ía tendo xa a súa tele e o seu utilitario, verdadeiros e desexados Eldorados, tótems de auténtico ascenso social. Por iso, aínda que noutra foto, a maneira de contrapunto coa anterior, se nos amose aos viandantes camiñando pola ponte da Pasaxe tal e como poderían facer polo corredor da súa casa ou por unha rúa peatonal, a verdade é que o dinamismo productivo e a efervescencia automobilística tomaban as rúas por asalto.

A visión dos nenos xogando nos xardíns aínda se repite hoxe. É unha grata estampa da cidade: cando as tardes amosan a súa bonanza, aínda en pleno corazón do inverno, os xardíns e as prazas se enchen de rapaces a xogaren. Malia o estrés, e o tránsito, e a máis trepidante condición actual, a imaxe repítese, como a dos estorniños invernais. O que é evidente é que os xogos teñen cambiado. E a maior abundancia do noso momento co seu derrochador “usar e tirar”, non posibilita realidades como a desa clínica de bonecas, en “La Equitativa”, onde se facían reparacións rápidas e económicas que amosaban o xoguete como un ben, naquel tempo, moito máis escaso.

No ámbito das celebracións, e da vida social, e desa mundanidade na que a cidade nunca foi parca, un sociólogo, historiador, antropólogo ou mero observador curioso acharía documentación abundante. Celebracións, promocións, xubilacións, efemérides... que fixan a condición social, grupal, xeracional, amical do ser humano, que nunca é un Robinson, senón unha criatura da Polis. Celebracións civís, militares, relixiosas... Con familias ao completo, das de antes, cando soía participar a saga das sucesivas xeracións na súa totalidade. Festas das sociedades recreativas. Postas de largo. Inauguracións de locais. Presentacións de novidosas máquinas. Envaradas mantillas. Traxes anxelicais das primeiras comuñóns. Vodas das de “para toda a eternidade”... Mesmo, como exótico contraste, unha festa brasileira, ¡nada menos que con Pucho Boedo y Los Trovadores!, que a un lle trae á lembranza aquela reflexión de Manuel Vicent en “Tranvía a la malvarrosa”, cando dicía que un dos seus soños naquel tempo era ser vocalista italiano, levar un pente no peto da lapela e namoralas cun bolero desde a tarima...

Unha xuntanza curiosa -e promocional- é a da entrega da máquina Sigma. Por certo, que a máquina de coser foi outro dos tótems da época. Non eran aínda os tempos de comprar todo feito, nin a cen, e mesmo, como no caso dos xoguetes, tamén se “restauraban” os desperfectos na roupa, e non chegara, aínda, arrasando e deslumbrando, o flaseo de Luada nin a eclosión nas pasarelas internacionais da Moda Galega. Pero non se diga que non se sabía de marketing naquel tempo. Porque pioneiros sempre os houbo, e non só na Patagonia ou California. O márquetin (¿adaptarémolo así?) non é un invento de antonte. Calquera pode comprobalo nesa fotografía do comercio “La Palma”, que amosa no interior do seu escaparate un desfile con modelos vivos, ¡en 1953!, ao que acudían desde afeccionados á moda a voyeurs esporádicos e ociosos varios.

Eran tempos, sen dúbida, de grandilocuencia, de sacralidade, de “orden”. O espiñazo tiña que ir teso. Ben posta a “paletilla”. Sobre todo no ideolóxico e no moral. Senón, o que se puña teso era o pau. Claro que, ao que era bo, se lle condecoraba, ou regalaba nada menos que esa Sigma case marshalliana, ou ensinábaselle a aprender a ler en sete días, como no caso da ancián emigrante dunha fotografía de claro corte social.

Fronte ás condicións actuais de traballo temporal e contratos a tempo parcial, moitos empregos soían durar toda a vida. Hai fotos, dentro da variedade de rexistros do libro, que evidencian certas delongadas dedicacións laborais. Unha especialmente notábel é a dunha ama de cría que chegou a traballar nada menos que setenta anos servindo -co corpo, e supoñemos que coa alma- nunha casa, e da que se ven as dúas tomas dese longo período temporal. Outra fotografía, dos propietarios do estanco na Rúa Nova, amosa cómo esa dedicación temporal, incluso ao longo de xeracións da mesma familia, nun establecemento, é relativamente abundante nunha cidade que ten no ámbito comercial, desde hai séculos, un claro motor de desenvolvemento económico e social. Aceda imaxe, pola contra, a foto-testemuña dos dous nenos, emigrantes xa tan novos, que perderon o barco con destino a Venezuela. Clara visión social daqueles anos de sangría migratoria. Un destino tan duro como as botas que calzan. Tan roto como o envoltorio do baúl. Tan gris como o aura que zumega da propia imaxe.

Porque non todo era glamour naquel tempo na que chamaban “pequena Madrid” por conta da presencia do “Caudillo” e da corte de ministros coas súas familias nas estadías do verán. Os consellos de ministros, os partidos de tenis e golf, os paseos do Azor pola baía, a pesca de troitas no Eume, as galas e saraos oficiais, a bóveda vexetal e axardiñada cara un asoleado Meirás non eran senón unha parte daqueles tempos do NODO, o Technicolor e as comedias de Alfonso Paso.

Ir al inicio
Google

Panorámicas Coruña


Momentos Coruñeses
1890 - 1910 
1911 - 1930 
1931 - 1934 
1935 - 1937 
1938 - 1939 
1940 - 1946 
1947 - 1948 
1949 - 1951 
1952 - 1954 
1955 - 1956 
1957 
1958 
1959 
1960 
1961 - 1962 
1963 
1966 
1967 
1968 - 1975 
1976 - 1980 
1981 - 1998 
2000 a final 

Web Amigas
Nueva York 
Chicago 
Oporto 
Galicia Virtual 
Ponferrada Virtual 
Sala de Negocios 
Foto Blanco s.l. - Servicios fotograficos en A Coruña- NIF.B15428295 - Política de privacidad - Desarrolla i latina
Posicionamiento en buscadores - Lisboa - Oporto - Nueva New York - Chicago - León - Lugo - Franquicia Vending - Tiendas - Album digital - Directorio Web