|
Un capítulo para a nostalxia é a contemplación, por parte dos que os coñeceron, de ámbitos, locais, comercios, establecementos que desapareceron ou que, nalgún caso, trocaron a súa fisonomía de maneira radical. Un exemplo é a toma, de nobre empaque e simetría perfecta, do devandito estanco da Rúa Nova, que lembrará a moitos os habanos que se fumaron, e os Chéster, e a algúns, aqueles Celtas sen filtro que popularmente se chamaban “Chéster obreiro”, pois o outro, o americano, era o dos señoritos. Incluso, a moitos dos que daquela eran aínda uns mocosos, quizais se lles lembre o amentolado co que se iniciaban ás agachadas dos pais, e polo que máis dun debeu receber algún que outro acaído lapote, pois non chegaran aínda os tempos dunha pedagoxía máis sosegada e liberal, e a auctoritas non andaba precisamente polas gallas. Outra foto que exemplifica a época é a do persoal do restaurante Fornos, no 48, que tantas ansiedades gastronómicas terá saciado. Ou a de El Rápido, realizada co motivo dunha homenaxe ao cronista Luís Caparrós, escaparate que xa Luís Seoane consideraba, nas audicións radiais bonaerenses de “Galicia Emigrante” dunha luxuria visual fóra do común, como disposto para que un artista dotado realizase unha verdadeira natureza non morta, senón extraordinariamente viva, polo seu barroquismo e exhuberancia. Pódese ver tamén a sala Negresco, onde tantos coruñeses celebraron o banquete das súas nupcias. Ou algúns ultramariños, como o Kessler, que, como tantos na época, amosaban ás veces algunhas delicatessen que resucitaban a un difunto, e non digamos no 42, de cainita lembranza. Deliciosos ultramariños, dos que case só resta actualmente, entre algúns outros, o impagábel Aniceto Rodríguez, que cumpre ademais o benefactor cometido de alimentar a vista e facer suspirar aos viandantes que pasen hoxe en día polo Ecuador do Cantón Pequeno onde está ubicado. Grande encanto encontrarán moitos lectores nesa visión hooperiana do exterior do bar La Mezquita, nimbado cunha luz de cine da época, e unha serenidade nocturna e irreal. Máis dinámica, mesmo dramática, é a fotografía da cafetería Lardy, que un bo día do ano 60 Alberto Martí captou nunha oportuna instantánea que logo sería premiada a nivel nacional, polo seu valor documental, na que un home ameaza ao camareiro cunha arma branca. ¡E as orquestras! Ademais de Pucho Boedo e Los Trovadores -épica da que o escritor Xurxo Souto nos mantén informados con relativa asiduidade-, aparecen aquí a Orquestra Mallo, e os exitosos Los Satélites, orbitando nunha festa do Casino, no antigo Leirón, en 1947. ¿Que bolero tocarían? ¿Cáles serían as soltas, cáles as agarradas? E logo os cines... A época dourada dos cines, cando raro era o barrio que non tiña a súa sala, traerá moitas lembranzas aos que a viviron. Incluso, algúns bicos agachados. Caricias, promesas, casoiros na distancia... E a evocación desa épica absoluta e impar das vaqueiradas, ese ser non ser shakesperiano que foi o far west na súa encarnación cinematográfica. A época dos actores míticos, na que o cine era algo sagrado, un rito, unha adición case corporal. ¿Que estarían a proxectar no cine Ciudad, que logo foi café cantante, e ardeu, conservándose hoxe só o solar, ese 12 de abril de 1954, data da foto? Pois nada menos, como constatan as carteleiras, que “El Judas”. ¿Cantas toneladas de pipas, manises, pombas de millo, serían engulidas polo persoal?. ¿Habería bico final na pantalla, ou sería un beixo “traicioeiro”, ou o severo censor, de haber clímax final, tería velado pola eterna salvación das débiles e pecaminosas almas, ás que, no seu libre albedrío, nunca cómpre abandonar? O cine Goya, o Colón, o Coruña... desfilan tamén nestas imaxes. Incluso, vendo ese antigo local de cine abandonado, á beira do non sancto Papagayo, ¿quen non lembrará a película “Cinema Paradiso” co seu glamour e a súa melancolía polos tempos míticos das salas? Supoño que o mesmo tremor saudosento invadirá aos que foron estudiantes na Academia Galicia, ou nos antigos Maristas, ou no Dequidt, ou nun aínda existente Salesianos, ao contemplar os antigos colexios, moitos desaparecidos, aínda que as vivencias escolares non teñan sido seguramente gratas para todos, e as horas de disfrute haxa que poñelas en relación coas de sacrificio ou de posíbel fracaso.
|