|
Pero a dimensión histórica e documental non se detén aí. Hai numerosas instantáneas que tanto poden interesar ao historiador como ao antropólogo, ao cronista sentimental como ao documentalista rigoroso: Os desfiles da victoria franquista, as pegadas do “Desarrollismo”, os antigos oficios e actividades, as maneiras e vestir ou comportarse, o mundo festeiro das Batallas de Flores, a presencia das mexiloneiras na baía, a construcción do Dique de Abrigo, a do Clube do Mar polos seus propios socios á maneira dunha colaboración comunal, a presencia de vellos cines hoxe inexistentes como o Coruña, a evidencia do esporádico toque Chicago que supuxo a construcción do Banco Pastor na liña das galerías baixas e acristaladas do Cantón central, a visión dun castelo de San Diego hoxe derrubado, a antiga praia de Lazareto, a desaparición de antigos mercados como o da Praza de Lugo, a constatación dos depósitos do Gas na Zona Matadeiro, a visión da longa e panorámica Granxa, un histórico río de Monelos desbordado a asolagar as leiras colindantes, a antiga Avenida Lavedra, o Cemiterio Mouro contra as lonxanías da costa, a fermosísima Torre de Hércules na soidade panorámica daquel prodixioso enclave atlántico, a evolución de antigas prazas como as de Pontevedra, Vigo, Ourense, María Pita..., a transformación do mobiliario urbano... e feitos deportivos, acontecementos históricos ou actos políticos e sociais... Toda unha información diversa e pormenorizada. Por todo isto, se cadra non haberá quen deixe de realizar, nalgún momento, ao contemplar estas imaxes, un nostálxico ubi sunt? polas cousas e causas perdidas dos “tempos de antano”: ¿Que foi da antiga dársena do Parrote? ¿E da súa praia, en pleno corazón do Casco Vello? ¿E do Peirao de Ferro? ¿E do lavadeiro do Orzán? ¿E da Praza de Touros, aínda que non se sexa afeccionado ao pasodobre punxente e esgazado da “Festa Nacional”?... Si, amigos François Villon e Manrique, ¿que foi do Teatro Circo? E,¡ ai!, do Pavillón Lino, ¿que foi? ¿E das damas de antano que, cos seus tocados, e vestidos, e os seus perfumes efémeramente temporais, foron cortexadas, e danzaron, e amaron, no Leirón do Sporting Clube, ou no Kiosque da Terraza, ou na Sociedade de Artesáns? ¿E que se fixo do quiosque da música de Riazor? ¿E da única casa gótica, que estaba no Parrote? ¿E da antiga illa de San Antón?... ¿Que foi do tempo de antano?... Mais qué se fixo daqueles hoteis esveltos, cosmopolitas e civilizados que tivo a cidade: ¿Do Palace –do que se conserva un paradigmático, case parisino, cadro de Lloréns-, do de Francia, que logo foi España, ou do Gran Hotel Continental? ¿E que do Hotel Atlántico, que completaba a tríada de edificios, veciños ao mar, que outorgaba á cidade un momento único e imprecisable entre o modernismo e o colonial, o sentir balneario dun Lido veneciano e un alento luminosamente mediterráneo e sureño por un lado, e por outro un sentir ultramariño e indiano? ¿E que foi dos cafés, aqueles cafés cultos e tertulianos da Coruña progresista, europea, universal, onde se reunían os académicos e os galeguistas, ou os homes de Alfar e das vangardas, ou os burgueses republicanos e liberais? ¿Que foi daqueles cafés previos á inflacción de bancos e tragaperras: o Gran Café Bar, o Mezquita, o Galicia, o Unión, a Cafetería Kristal, o Cantón Bar?... Sinal de que deixaron un longo ronsel sentimental é a afortunada actitude actual dalgúns coruñeses do gremio de hostelería que saben facer unha viaxe de retorno a certas orixes, após da eclosión do azulexo e da formica, nunha viaxe paralela ao abandono do uniformador gresite “desarrollista” das fachadas das casas. Non estraña, pois, ese recente retorno culto e civilizado a formas máis acolledoras, máis gratas á conversa e á intimidade, dalgúns novos cafés. E ata a pertinencia da creación de salóns de té, unha carencia europeísta e británica que arrastraba a cidade, e que lle tería agradado tanto á pantasma de Drake como ao ánimo esforzado de Sir John Moore ou ás saudades imposibles de lady Stanhope, a súa inconsolable amante. Ou pubs recentes de xenea céltico-irlandesa. Aínda que iso coexista, hoxendía, nunha cidade tan sumamente dinámica, con rexistros plurais tanto en cafeterías como en pubs, sendo algúns destes últimos máis heavys, máis rupturistas e ata posmodernos, a conviviren en dinámica algarabía cos de sentir máis tradicional.
|
 |
|