|
Mais non é só historia en nomes propios o que se nos conta. Como nun prisma de moitas caras, o degustador deste libro disfrutará dos cambios que nos costumes e nas vidas se foron operando a nivel cotián. A castañeira, co seu carriño, por fortuna, continúa presente nas nosas rúas. E un pode pasar, na outonía ou no inverno, pola Rúa Real, ou algún outro enclave, e virlle no ar un arrecendo a país de castiñeiros e antergos magostos rituais. E aínda que falte a boa compaña do mosto coa súa agulla solar, por poucos cartos, cun cucurucho quentiño na man (que, se non hai luvas, cumpre tamén importantes funcións térmicas colaterais, malia a non ser esta unha cidade de intempestivas friaxes) calquera se pode converter por uns momentos nun cidadán feliz, nun paseante fachendoso e alimentado, que ata, se cadra, se ten ese espírito de comensalía e peripatetismo aristotélico propio da cidade, pode chegar a convidar. O que si desapareceu foi o “fotógrafo minuteiro”, que, no cabalo, podía facer unha instantánea verdadeiramente épica, ou, no porto, posibilitar o derradeiro recordo para os familiares dos emigrantes que zarpaban. A prosapia dos novos tempos fantaseou, entre outros inventos, o fotomatón, que non mata propiamente, e é sen dúbida útil, mais que cómpre mirar cunha fixeza tal, que un coida que vai saír, como da mirada da mítica Medusa, petrificado. Tampouco se ve agora a estampa do chamado, na época, “coche cacharro”, como no deses rapaces de boa familia que posan no volante á maneira dun James Dean non propiamente inadaptado, mentres o traballador, boina en ristre, vese obrigado a pedalexar pola rúa San Nicolás como Indurain nos Alpes. Agora esa estampa xuvenil tería máis ben unha formulación en clave de moteiros en Harley ou Yamaha, de yuppies exitosos en descapotábeis triunfantes, ou se acaso de mocerío progre ou sport no Escaravello Wolkswagen, do que por certo Foto Blanco nos deleita cun fermoso exemplar fronte a unha panorámica Santa Cristina antes da brutal e especulativa intervención. Tampouco, no noso tempo, hai organilleiros. E menos que posen con ese hieratismo sagrado e sobrio das xentes populares. En todo caso, músicos ambulantes non faltan nas nosas rúas hoxe en día, ou grupos coa alegría e a saudade do Altiplano, ou pequenas orquestras dos países do antigo mundo socialista, ou algún violinista solitario, e ata algún faiscante gaiteiro, como un flautista dun Hamelin ambulante... Claro que no libro non faltan -cómo poderían faltar- os gaiteiros. Nin o afiador paragüeiro, coa súa estampa errante, aínda que hoxe se poida tamén escoitar moi de cando en vez a siringa de paxaro dalgúns que, agora mecanizados, itineran aínda mundo adiante. Nin falta o reparto do xelo, que en tempos distribuía o carro de cabalos. Por certo que, para o espectador curioso, hai unha toma na que chove sobre mollado: a neve sobre o carriño de xelo, en dickensiana estampa. Non se ven tampouco hoxe en día as vendedoras ambulantes de roupa usada. Na actualidade, son inmigrantes africanos os que xeralmente venden xales, foulards e outras prendas importadas, dun colorido tan vivo como un paxaro tropical. Ou instálanse, agora, nalgún barrio, ou rúa, unha especie de mercadiños, con vendedores ambulantes, ou énchense as rúas dos seus toldos, cando chega o nadal. Claro que a venda ambulante sempre existiu, e existirá, como as fotos deses enternecedores vendedores, que vemos nas céntricas rúas, tentando convencer aos escépticos turistas das virtudes das súas mercadorías. Que as tiñan, porque, aínda para os escépticos, unha larpeirada sempre é agradábel. E os encaixes de Camariñas, son un milagro difícil de superar. E qué abarrotado ía o barco de Santa Cristina na que sospeitamos unha mañá de festivo estival, cando o nordés entra en allegro sostenuto e limpa de nubes a atmosfera da baía, deixando un azul cintilante que é a mellor tarxeta de presentación da climatoloxía local. Día Guiness na recadación, supoñemos, dunha travesía da ría que, por fortuna, segue existindo na actualidade. Que non retorne, desde logo, ese tempo de mises envaradas nin eses multitudinarios partidos de fútbol feminino, que parecían presentar un certo morbo para a contemplación dunha xeografía corporal que a pudibundez da época mantiña tan clandestina como os partidos da oposición democrática. E que non sirva a demagoxia de afirmar que con esas prácticas a muller acadaba novos ámbitos de actividade social... E non se diga tampouco que na época non existían políticas de alcance social. Como na entrega da medalla ao traballo a unha cigarreira anciá. Ou a participación dunha neta de Franco, en pose de auténtica Marisol, nun acto no sanatorio de Oza. Ou na presencia da Tómbola da Caridade, presencia veranega da época, cos seus boletos da sorte, e que, se un non lembra mal, daba de premio maior un coche. ¿Sería un Seat 600, esa liliputiense encarnación do minimalismo rodado? Ah, cómo o evocaba aínda, nos tempos predemocráticos, Moncho Alpuente, nunha canción daquela popular: “Adelante, hombre del seiscientos, la carretera nacional es tuya...” Pasaron cancións, evoluíu o dial, a tele en branco e negro virou a cor, a telefonía móbil substituíu aqueles teléfonos negros de grave severidade. E morreron tamén eslogans, como o nada machista e case politicamente correcto de “Lejía El Herrero, lava la señora, lava el caballero”. Mais aínda, se nos fixamos ben, na chapa dun trolebús de dous pisos, podemos ler aquilo de “Omo lava más blanco”, mentres o gran vehículo daba a súa volta de fin de traxecto nun mercado de Monelos impregnado de encanto e de soidade invernais. Como imaxes moi de época, é moi fermosa tamén, entre outras, a fotografía do aguador, en 1903, en Linares Rivas, na zona do peirao. Ou a das lavandeiras do Birloque, nunha zona que aínda non fora absorbida pola cidade. Ou a da inauguración do tranvía eléctrico, en 1913. E esa visión do fotógrafo Ferrer coa súa familia, cestiña da merenda en man, como nunha evocación victoriana ou nun cadro impresionista á maneira de Monet ou Renoir. Ou a do público ávido de novidades, fronte ao escaparate de Foto Blanco. Ou a insólita das tres monxas, como tres gaivotas brancas, contra o fondo das galerías da Mariña. Sen esquecer a pintoresca do garda urbano recebendo o aguinaldo do Nadal por parte dun representante de Nescafé, cun biscooter ao fondo, estacionado. E chapeau, chapeau total, sen dúbida, a esa entrañábel, costumista, deliciosa e caseira foto do pintor dentro do Seat 600, na Dársena. ¿Quen dá máis?
|