|
Por certo que un aspecto central, como non podía ser doutra maneira nunha cidade absolutamente marítima, asomada dende sempre aos horizontes atlánticos e ás lonxanías das rías mariñáns, e na que aínda se pode detectar, a través das fotografías, os longos labores de recheo dun enclave que ao longo do tempo pasou de ser un tómbolo case illa a unha forma plenamente peninsular, é a presencia absoluta do mar. Sexa o mar do Orzán, coa súa épica de vagallóns e temporais, ou o calmo mar interior da ría, que permitía amerizar os avións pioneiros na conquista do aire. Un mar que chegaba en tempos ata os soportais da Mariña, e que tiña longas praias a ambos costados da cidade, e abeirábase somnolento ao Cantón, Linares Rivas ou a Palloza. Porque na Coruña, saír da casa era embarcar. Por iso son tantas as perspectivas de mar. E do Porto: un factor central no devir económico, urbanístico, laboral e humano da cidade. Un porto modesto en tempos mais dunha maior ambición e diversificación na actualidade. Nestas fotos pódense ver, por tanto, en distintos momentos temporais, referencias mariñeiras, pesqueiras e portuarias. O Monte Umbe soltando amarras. A descarga do peixe e o balbordo das lonxas co seu formiguexante tecido humano. O trafego comercial, axudado de guindastres, da madeira ou doutras mercancías apiadas nos peiraos. A odisea emigrante co seu esgazador embarque cara as Américas. Os varadeiros da Dársena, tan evocadores e entrañables. As longas redes a secar nunha praza da Palloza que por veces visitaba o Teatro Argentino e outras casetas de feira e verbeneo popular. Os transatlánticos dun tempo que nos lembra a Pessoa e as súas evocacións marítimas na desembocadura do Tejo, ou esoutros actuais que, como grandes predios ou inmensas baleas brancas, outorgan á Coruña unha das súas estampas máis luminosas, emotivas e paradigmáticas. As amplas perspectivas do Paseo Marítimo actual, na oceánica orla da cidade...
|
 |
|